No ano 2022, o Centro Tecnolóxico do Mar, Fundación CETMAR levou a cabo o desenvolvemento do Plan Estratéxico da Conseva 2022-2030, por encargo da Consellería do Mar. Devandito plan está publicado co ISBN 978-84-09-46689-4, e fun responsable tanto da imaxe gráfica, a ilustración como da maquetación do mesmo. Pode lerse na súa totalidade aquí: ligazón.


O desenvolvemento conceptual da imaxe gráfica do Plan parte da idea de reforzar a conexión da industria co territorio no que se atopan as plantas de procesamento e coas persoas que desenvolven ou desenvolveron a súa actividade nelas. Tamén trata de poñer énfase en que estas conexións existen en Galicia dende hai séculos e polo tanto forman parte do patrimonio industrial e da herdanza social e económica de moitas vilas e comarcas costeiras.

Partindo dos edificios das conservas, observámolos e interpretámolos como elementos do patrimonio industrial (obtendo inspiración no traballo de Iria Sobrino Fagilde arquitecta viguesa, defensora do patrimonio industrial da comarca, que entre diferentes proxectos ten unha guía da arquitectura industrial na provincia de Pontevedra, que da moitas chaves relevantes para esta compoñente do traballo do CETMAR no Plan).

Unha das ideas de forza é como a industria conserveira ten debuxado a “silueta” das nosas vilas e como isto forma parte da conexión co mar. Para plasmar isto fixámonos nas cornixas dos edificios conserveiros, máis particularmente en Alfageme en Bouzas – Vigo.

A idea das conexións interxeracionais, do territorio, das xentes e do patrimonio industrial conecta coa fábula xaponesa do “fío vermello”. As ideas de “silueta”, “fío”, lévanos á técnica de liña, para debuxar as conexións pobo – industria – mar. (Así mesmo, enlaza cunha das exposicións dedicadas a Federico Ribas titulada “as liñas dá beleza”). Federico Ribas foi publicista e debuxante da primeira metade do século XX que alá polo 1920 comezou a desenvolver campañas publicitarias para Massó.

Ilustracións:

Portada Plan Estratéxico para o sector da conserva en Galicia 2022-2030